Thursday 02 de May de 2024

A Xunta presenta no Xulgado unha oferta para adquirir os murais realizados por Urbano Lugrís da rúa Olmos da Coruñ


— O obxectivo é restauralos e poñelos a disposición da cidadanía, para o que o Goberno galego avaliará a posibilidade de trasladalos ao Museo de Belas Artes da Coruña

— O espazo do antigo Restaurante Fornos conta cunha ducia de murais do pintor nos que se representa a mariña coruñesa, fondos mariños ou unha panorámica da cidade da Coruña, entre outros temas

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2024.- A Xunta de Galicia vén de presentar unha oferta no Xulgado Mercantil número 3 da Coruña para adquirir os murais realizados por Urbano Lugrís e localizados nos números 25 e 27 da rúa Olmos da Coruña, por un importe de 35.000€. Así, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades presenta a súa proposta para participar no proceso concursal tras abrirse a posibilidade de comprar estas pezas e analizar a nivel xurídico a información dispoñible sobre o tema.
O obxectivo desta adquisición é restaurar o conxunto mural para poñelo a disposición da cidadanía. Para iso, o Goberno galego avaliará a posibilidade de trasladalos ao Museo de Belas Artes da Coruña, onde pasarían a estar expostos tendo en conta as razóns de interese social, así como as cuestións de conservación e salvagarda.
O custo da oferta veríase substancialmente incrementado en caso de completarse a adquisición, dado que a Xunta asumiría o investimento necesario para os traballos de rehabilitación e o traslado dos murais.
O conxunto mural da rúa Olmos está composto por unha ducia de pezas que formaban parte do antigo local de hostalaría que ocupaba os andares baixo e primeiro de ambos inmobles. O pintor deseñou estas pinturas para o Restaurante Fornos, un popular local que forma parte da identidade coruñesa e da súa memoria social que xa existía no século XIX.
Trátase de pezas que presentan diferentes estados de conservación e nas que se representan estampas como a mariña coruñesa, fondos mariños con peixes, algas, sereas ou medusas; motivos mariñeiros como barcos, veleiros, áncoras ou galeóns ou panorámicas da cidade, entre outros temas. Así, entre os elementos que aparecen representados destacan a Torre de Hércules, a antiga Comandancia da Mariña da Coruña ou o Castelo de San Antón.
Cómpre lembrar que nestes momentos os murais de Lugrís xa contan con protección patrimonial, xa que están catalogados, por iniciativa da Xunta de Galicia, dentro do planeamento municipal. Con todo, a Administración autonómica agarda recibir a documentación do Concello da Coruña que acredite o valor destas pezas para avaliar a súa posible declaración como Ben de Interese Cultural.